Thursday 09 de May de 2024

Nova cita cos ‘Sábados de portas abertas do Goberno Local’ no Concello de Ordes


Esta fin de semana o alcalde, José Luis Martínez Sanjurjo, abrirá as portas do seu despacho a aqueles veciños e veciñas que queiran realizar algunha suxestión ou consulta

Como cada último sábado de mes o Concello de Ordes abrirá as súas portas para que veciños e veciñas poidan manter un contacto co alcalde e outros edís. Tanto o alcalde, José Luis Martínez Sanjurjo, como outros edís estarán dispoñibles para o público de 10 a 13 horas.

Os ‘Sábados de portas abertas do Goberno Local’ é unha iniciativa implantada para facilitarlles o contacto coa institución e os representantes locais a aqueles cidadáns que, xa sexa por motivos laborais, académicos ou doutra índole, non o poidan facer ao longo da semana en horario habitual.

Aínda que non é estritamente necesario solicitar cita previa aquelas persoas que o desexen poden facelo a través do teléfono 981680002 extensión 2. Cabe sinalar que esta iniciativa vai orientada á exposición de suxestións e consultas e non á tramitación de expedientes ou outros labores de índole administrativa.

Dende a súa posta en marcha son decenas de veciños e veciñas os que levan participado desta iniciativa, que presenta un alto grao de aceptación. Seguindo a filosofía de facilitar o contacto e a comunicación directa co alcalde tamén se ten habilitado un enderezo electrónico jose.martinez@ordes.dicoruna.es, así como un formulario web. A ambos poderase acceder a través da páxina web www.ordes.gal.